Sunday 05 de May de 2024

Abegondo aproba o convenio de transporte metropolitano, que conta cunha achega municipal de preto de 9.000 euros


O alcalde, José Antonio Santiso, incidiu na recente mellora do servizo para os veciños e veciñas coa incorporación de “ novos percorridos e horarios”. Entre eles, o rexedor sinalou a nova liña que conecta Tabeaio e Betanzos, pasando por Sarandóns, Figueroa e Montouto.

Preto de 9.000 euros. Esa é a cifra que o Concello de Abegondo consignará, anualmente, entre o 2021 e o 2024 para colaborar no desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de transporte metropolitano da Coruña. O Concello celebrou hoxe, xoves 29 de outubro, unha sesión do pleno extraordinario na que se aprobou, por unanimidade, o convenio de transporte. O alcalde, José Antonio Santiso, incidiu en que “se incorporaron novos percorridos e horarios que mellorarán ou servizo de para vos veciños e veciñas”. Neste sentido, o rexedor sinalou a nova conexión entre Tabeaio e Betanzos, que dará servizo a zonas como Sarandóns, Figueroa e Montouto, entre outras. Así mesmo, tentarase manter a liña de Montouto, Figueroa, Sarandóns e A Coruña.

A sesión serviu, así mesmo, para dar luz verde á creación dun servizo conxunto de tesourería entre os Concellos de Abegondo, Bergondo e Carral. Nun principio, a agrupación expúñase xunto co Concello de Miño pero, tal e como explicou Santiso durante o pleno, “este último xa cubriu a praza de tesoureiro”.

Este punto aprobouse co voto favorable dos concelleiros do goberno e coa abstención dos representantes de Alternativa por Abegondo, ao considerar necesaria a incorporación dun habilitado nacional propio. En resposta a isto, o rexedor sinalou que Abegondo ten delegada a xestión da recadación na Deputación da Coruña, polo que non resulta necesario contar “ cun tesoureiro con dedicación exclusiva”.